Neuropsicoloxía
Valoración neuropsicolóxica
En que consiste?
A avaliación neuropsicolóxica é un proceso clave para coñecer en profundidade o perfil cognitivo dunha persoa.
Mediante probas estandarizadas e entrevistas clínicas, analizamos diferentes áreas do funcionamento cognitivo, como a memoria, a atención, o razoamento, a linguaxe, a cognición social, as habilidades visuoespaciais e as funcións executivas. Ademais, explóranse aspectos emocionais e condutuais que poidan estar a interferir na vida cotiá da persoa.
Este proceso permite identificar posibles dificultades da aprendizaxe, trastornos do neurodesenvolvemento, secuelas derivadas de lesións cerebrais ou sinais de deterioro cognitivo asociadas ao envellecemento.
A información obtida é fundamental para establecer un diagnóstico preciso e deseñar intervencións personalizadas que melloren a calidade de vida do paciente.
Nenos e adolescentes
No noso centro entendemos a importancia dunha detección precoz.
Se o teu fillo presenta conductas impulsivas ou hiperactividade, ten dificultades para concentrarse na clase, mostra falta de motivación ou desinterese xeral, experimenta problemas coa lectura ou a escritura, ou presenta dificultades na interacción social, é recomendable considerar unha avaliación neuropsicolóxica.
Unha avaliación adecuada permite identificar posibles dificultades no desenvolvemento e establecer as pautas de intervención máis eficaces para acompañalo no seu crecemento.
Adultos
Realizamos avaliacións neuropsicolóxicas para adultos que presenten alteracións no funcionamento cognitivo, condutual ou emocional.
Se tes experimentado cambios na memoria, na atención ou na linguaxe, se sufriches unha lesión cerebral adquirida (coma un ictus ou un traumatismo craneoencefálico), se sospeitas dun trastorno do neurodesenvolvemento non diagnosticado na infancia (coma TDAH ou autismo), ou se existe preocupación por un posible deterioro cognitivo ou demencia, unha avaliación neuropsicolóxica pode ser fundamental para comprender o que está a suceder e orientar adecuadamente o tratamento ou apoio preciso.
Estas avaliacións permiten detectar, perfilar e cuantificar posibles alteracións, facilitando o diagnóstico e a planificación de intervencións personalizadas.
Que é a intervención neuropsicolóxica?
A intervención neuropsicolóxica ten como obxectivo mellorar ou compensar as dificultades cognitivas, emocionais e condutuais que poidan xurdir como consecuencia das alteracións do procesamento cognitivo.
No noso centro deseñamos programas de intervención individualizados baseados nas necesidades específicas de cada persoa, sustentados nos resultados dunha avaliación neuropsicolóxica previa.
A terapia pode incluír exercicios de estimulación ou rehabilitación cognitiva, adestramento de habilidades sociais e emocionais, desenvolvemento de estratexias compensatorias e apoio psicolóxico, co obxectivo de mellorar a autonomía, adaptación e calidade de vida do paciente.
Este tipo de intervención está especialmente indicada nos seguintes casos:
Trastornos do neurodesenvolvemento (TDAH, TEA, TANV, trastornos da comunicación, discapacidade intelectual, trastornos específicos da aprendizaxe, etc.).
Dano cerebral adquirido (ictus, traumatismo craneoencefálico, tumores, etc.).
Enfermidades neurodexenerativas.
Deterioro cognitivo relacionado coa idade.
Demencias.
Trastornos emocionais que afectan o rendemento cognitivo (ansiedade, depresión, dor crónica, etc.).
Tes algunha dúbida?
Se tes preguntas ou queres máis información sobre os nosos servizos de neuropsicoloxía, non dubides en contactar connosco.